Saturday 11 de May de 2024

Éxito na primeira visita teatralizada ao castelo de Moeche


Encontrámonos no século XV. O castelo de Moeche acaba de ser abandonado polos nobres e o seu séquito e entre os seus muros só quedan dous cómicos que lle abren ao pobo as portas da fortaleza para que calquera poida adentrarse nas súas estancias mentres escoita historias reais e outras inventadas… todas elas cargadas de humor. Así podería resumirse a obra “A porta aberta do castelo de Moeche”, protagonizada por Tero Rodríguez e Lucho Penabade metidos na pel deses dous comediantes que fan de guías polo pasado feito presente durante arredor dunha hora. A primeira das visitas teatralizadas foi un éxito de público que, seguramente, se repita tamén nas próximas. E é que durante todos os venres de xullo e agosto a partir das 21.00h. poderemos formar parte dunha viaxe única e moi entretida aos tempos máis revoltos do castelo de Moeche.

Formar parte desta experiencia interactiva a medio camiño entre o humor e a recreación histórica é ben doado. O Concello programou as visitas teatralizadas para os venres comprendidos entre o 6 de xullo e o 31 de agosto, ambos incluídos.

O itinerario polo pasado comeza ás 21.00h. no acceso principal do castelo. Cada venres só haberá un pase e o aforo está limitado a entre 30 e 40 persoas. Por iso é importante reservar praza chamando ao 981 404 006 ext.2. e recoller as entradas no propio castelo ata media hora antes do comezo do espectáculo.

A entrada ten un prezo xeral de 3€, aínda que se marcou unha bonificación do 50% para nenas e nenos menores de 16 anos e para persoas maiores de 65. Tamén desfrutará deste desconto quen posúa un Carné Xove en vigor.

A fortaleza mantense case igual que na época do seu maior esplendor -e tamén a máis convulsa-, pero pouco podemos imaxinar do xeito de vida de quen moraron nela… das maquinacións e sucesos que ocorreron entre os seus muros. O castelo pervive e as pedras testemuñan sen falar a apresurada fuxida en 1431 do seu señor, Nuno Freire de Andrade “O Mao”, e tamén dán conta da grande Guerra Irmandiña do 1467. Tras esta segunda revolta civil contra a opresión só quedan na fortaleza dous cómicos -Tero Rodríguez e Lucho Penabade- que agora fan de anfitrións para o pobo nun castelo completamente baleiro.

Os Quinquilláns fan revivir aquela época cunha peza escrita exclusivamente para ser representada en Moeche, contándonos historias reais alí acontecidas e outras fantásticas alí imaxinadas. Historias de nobres e vasalos, de loitas, de misterios… unha aventura, en definitiva, que nos traslada directamente ao século XV.

As visitas guiadas polos Quinquilláns forman parte da programación cultural e turística do Concello de Moeche de cara ao verán. A iniciativa teatral conta con apoio da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural que, ao longo deste 2018, permitirá traer ao municipio 17 propostas de música, artes escénicas e cine organizadas polo Concello e distintas entidades veciñais.